Tecnoloxías Creativas e Intelixencia Artificial (TCIA)
TCIA é un grupo de investigación da Universidade da Coruña dedicado ao estudo da creatividade computacional e á intelixencia artificial aplicada. O grupo traballa no desenvolvemento de sistema capaces de xerar, evaluar e optimizar contido creativo usando técnicas como as redes neuronais, computación evolutiva e aprendizaxe automática. O obxectivo de TCIA é avanzar na comprensión dos procesos creativos desde unha perspectiva computacional, con aplicacións en industrias culturais, educación e deseño.
Liñas de investigación
Tecnoloxías Interactivas e Videoxogos Aplicados
Deseño e avaliación de serious games, gamificación e experiencias interactivas con fins educativos, culturais e sociais; énfase en UX, narrativa interactiva, personalización e medición de impacto. Inclúe o proxecto Yachay (UDC‑ESPOL, Ecuador), que combina narrativa interactiva, identidade cultural e mecánicas de videoxogo para promover aprendizaxes baseadas en contexto e a valorización do patrimonio latinoamericano. A súa orientación interdisciplinar e internacional reforza o posicionamento do grupo en investigación aplicada en contornas culturais diversas; e a participación en iniciativas europeas como InterGames (2024‑2026), centrada no uso de videoxogos de conflito na educación secundaria, con desenvolvemento dun Laboratorio Virtual de Aprendizaxe e materiais docentes (ERASMUS+ KA220, 2023‑1‑AT01‑KA220‑SCH‑000122168).

Laboratorio de Videoxogos Aplicados
Estes proxectos emmárcanse dentro do Laboratorio de Videoxogos Aplicados (LaVidA), que se encontra na Escola Politécnica de Enxeñería de Ferrol.
Dentro desta liña, tamén se están a desenvolver outras accións de traballo. Entre elas, unha centrada en sustentabilidade e videoxogos, orientada ao estudo e deseño de ecogames como ferramentas tecnolóxicas con impacto social e ambiental. Esta liña tamén explora a integración de principios de sustentabilidade no desenvolvemento de videoxogos mediante enfoques diversos, como a aplicación de intelixencia artificial, uso de ferramentas máis eficientes ou análise da experiencia de usuario.
Intelixencia Artificial Aplicada
A segunda liña do grupo céntrase no deseño de solucións baseadas en técnicas avanzadas de IA, empregando aprendizaxe supervisada e non supervisada, algoritmos evolutivos, redes neuronais profundas e sistemas híbridos para a análise de datos, modelado e apoio á toma de decisións.
Un dos subcampos cunha traxectoria máis consolidada é o estudo da estética computacional e da complexidade visual, no que o grupo desenvolveu métodos para avaliar e predicir a resposta visual a imaxes mediante modelos de IA. Os resultados desta investigación serven de base á creación da spin‑off Artificial Intelligence Indestia S.L., participada pola UDC e recoñecida como Idea Emerxente nos Premios Spin‑Off PuntoGal o 27/10/2022. Indestia desenvolve PhotoILike, unha ferramenta de IA que selecciona as imaxes con maior impacto visual para o seu uso profesional, mostrando a capacidade de transferencia da actividade científica do grupo.
